Non en balde, esta denominación de orixe representa ao redor do 60% da produción quesera galega e conta cun total de 20 queserías adscritas das que sete están na provincia de Lugo. Ademais, esta DOP é a segunda de España por facturación, só superada pola DOP Queixo Manchego, aínda que é a primeira entre os queixos elaborados a partir de leite de vaca.
O alcalde de Monterroso, Miguel Rico, tamén se mostrou moi satisfeito de como se desenvolveu esta xornada de exaltación do queixo ulloano, na que, segundo dixo, "reinou ou bo ambiente e todo se desenvolveu sen ningún tipo de incidente".
A música tamén tivo o seu momento de protagonismo ao longo do día, concretamente, ás 11.00 horas cando se celebrou uns pasacalles e un concerto a cargo da banda de gaitas de Falcatrueiros.
CONCURSO DE TAPAS. Outro dos puntos álxidos do programa festivo da xornada foi a entrega dos premios do concurso de petiscos e tapas, no que participaron un total de 13 establecementos da localidade.
O xurado, constituído polo cociñeiro André Arzúa (Espazo Gastronómico Abellia); Luciano Tizado Rodríguez, profesor de panadería e xefe do departamento de Industrias Alimentarias do IES Manuel Antonio (Vigo); Vanesa Vila Pardellas, concelleira de cultura e educación en Monterroso, e Óscar Pérez Ramil, secretario-xerente do Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa, elixiron como proposta gañadora a tapa denominada "Roliño de espárragos silvestres con touciño ibérico e queixo Arzúa-Ulloa", elaborada pola Parrillada Randulfe.
En segunda posición clasificouse a proposta do restaurante Caracacho -"Cabacín recheo de verduras e solombo e gratén de queixo Arzúa-Ulloa"- e terceiro foi o bar Os Trasnos, con Petisco "trifásico".